Wednesday 08 de May de 2024

As corais dos centros cívicos da Coruña protagonizan o concerto ‘Música no Nadal’, que acollerá este mércores o Ágora, con acceso de balde


As invitacións para asistir á actuación, que dará comezo ás 17.00 horas, poderán recollerse desde mañá no Ágora

O centro sociocultural Ágora acollerá este mércores a décimo segunda edición do Encontro de Corais ‘Música no Nadal’, unha celebración promovida pola Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá no contexto das festas de Nadal, e que protagonizan as principais agrupacións corais da rede de centros cívicos da cidade.

O concerto, que terá lugar este día 14 desde as 17.00 horas, contará coa participación da Coral Polifónica de Breogán, do Grupo Social ONCE; a Coral Polifónica da Casa do Mar; a Coral Allegro Ma Non Troppo, do Centro Cívico de Monelos; a Coral Arumes, do Centro Cívico de Monte Alto; a Coral Cantores, do Centro Cívico de San Diego; a Coral do Centro Cívico do Castrillón; a Coral Saraiba, do Centro Cívico dos Mallos; e a Coral Airiños de San Fernando; do Centro Cívico de Feáns.

As agrupacións interpretarán unha variada programación de pezas, que van desde clásicos das festas de Nadal, como a ‘Noite de Paz’, de Franz Xaver Gruber e Joseph Mohr, a cancións tradicionais do folclore galego, como ‘Vinde, galeguiños, vinde’, de Fuxan os Ventos. Ademais, as persoas asistentes poderán gozar con diversas panxoliñas.

O acceso ao concerto será totalmente gratuíto, mais é preciso recoller unha invitación previa no centro sociocultural Ágora. As invitacións estarán dispoñibles na conserxaría da instalación municipal desde este martes (de 9.00 a 20.00 horas), e tamén o mesmo día do recital, de 9.00 a 16.45 horas. Disporanse un máximo de tres pases por persoa.

A Casa dos Xoguetes

Tamén no contexto da programación de actividades polas festas de Nadal, a concelleira de Comercio, Mercado e Barrios, Diana Sobral Cabanas, visitou esta mañá as instalacións da Casa dos Xoguetes, habilitadas na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) da rúa Costa da Palloza, 8.

“A Casa dos Xoguetes é unha iniciativa que ten como principal obxectivo impulsar a economía circular e o consumo consciente e responsable, un compromiso asumido polo Goberno de Inés Rey en materia de sostibilidade”, subliñou a concelleira Diana Sobral.

As instalacións da Casa dos Xoguetes estarán abertas para as persoas interesadas na doazón de xoguetes ata o vindeiro 5 de xaneiro, de luns a venres (de 10.00 a 19.00 horas) e os sábados (de 10.00 a 14.00 horas).

Neste sentido, na Casa dos Xoguetes, e en contraprestación polos obxectos doados, a persoa usuaria recibe cupóns que pode intercambiar, posteriormente, polos xoguetes que máis lle gusten de entre todos os expostos nese momento.